O científico Stephen Hawking en Santiago de Compostela

Fonte: Xornal USC

O científico británico Stephen Hawking atópase xa en Santiago de Compostela, onde o sábado 27 recollerá o Premio Fonseca 2008 concedido polo Programa Conciencia que apoian conxuntamente a Universidade e o Consorcio de Santiago.

O programa de actividades do profesor Hawking dará comezo na tarde do luns Parque de San Lázaro (ao lado do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia) onde descubrirá unha placa conmemorativa nun acto no que estará acompañado do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e do director do Programa ConCiencia, o profesor da USC Jorge Mira.

A continuación, chegará á Praza do Obradoiro tras realizar un percorrido simbólico do Camiño de Santiago desde o Convento de San Francisco. Á súa chegada á praza será recibido de novo polo alcalde, que lle entregará un pergamiño que lle acredita como Visitante Ilustre, e logo acompañarao a realizar unha visita á catedral.

Nos vindeiros días, o profesor Hawking ten previsto un encontro con investigadores, profesores e alumnos da Universidade de Santiago. Esta xuntanza celebrarase na tarde do mércores 24 na Facultade de Física.

Xa o venres 26, no Instituto Rosalía de Castro o científico británico presentará o seu último libro La clave secreta del universo. Una maravillosa aventura por el Cosmos no que é a presentación oficial en España desta obra. Na mesma sesión aproveitarase para dar tamén a coñecer Brevísima historia del tiempo, publicación que xa fora presentada no 25 aniversario dos Premios Príncipe de Asturias.

A visita de Hawking a Santiago terá como colofón a cerimonia oficial de entrega do I Premio Fonseca, que terá lugar o sábado 27 de setembro, ás 18:30 horas no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, na que pronunciará a conferencia ‘Saíndo dun burato negro’. Esa mesma mañá o reitor da USC, Senén Barro, recibirao no Colexio de San Xerome onde asinará o libro de honra da institución.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: