– ! Ei, Maleta, deixa a porta aberta xa! Mais xente non vai vir, penso eu .
O partido ía xa pola metade do primeiro tempo . Ramón estivera collendo as entradas na porta desde as cinco menos dez . Cada vez había menos xente . Só marcara dez entradas, e outros vinte que pasaran co carné de socio .
Sentouse na cantina a tomar un viño, só na esquina do local . Non lle gustaba ver os partidos . Non é que non lle gustara o fútbol, que lle gustaba; o que non lle gustaba era a xente, o trato condescendente e por veces burlesco que lle daban .
Non sempre fora así . De feito as miradas eran ben distintas cando era novo . Xogaba de extremo no equipo; era un futbolista rápido, inda que un pouco tosco e sen moito sentido táctico . Con todo, na tempada 76/77 fixera trece goles; o equipo ía lider na Segunda Rexional e a xente saudabao con respeto, sobre todo os nenos da vila . Ata o penalti .
O penalti . Xogaban contra o Cambados o último partido, para ascender a 1ª Rexional . Bastaballes con empatar . O partido fora mais duro do esperado, e inda por riba o Cambados marcara nada mais empezar o segundo tempo . A falta de un minuto, a esperanza: o árbitro pitou penalti por un empuxón a Pepe, o dianteiro centro . Ramón sentiu que era o seu momento; os seus compañeiros miraron cara a el e el devolveulles a mirada con decisión . Colocou a pelota con coidado, e pensou en asegurar; mandaríaa con forza polo medio . Deu tres pasos cara atrás e esperou o pitido do árbitro . Entón ocorreu . O porteiro, nervioso, venceuse antes de tempo cara a dereita, e Ramón cambiou de idea e pegoulle suavemente para poñela pola esquerda . Tan suave que a pelota saiu a unha velocidade ridícula, e o porteiro tivo tempo de erguerse e dun salto atallala no pao contrario . Entón desde a grada berrou aquela voz fatídica: !maleta! !maleta! . Á voz sumouse un coro indignado que berraba !maleta! !maleta! . O partido acabou e o ascenso con el . Os berros seguiron cando saíron cara ós vestiarios, mesturados con risas e insultos, e continuaron despois, cando marchou andando cara á súa casa .
A tempada seguinte xogou pouco . A xente tomouna con el, e os berros de !A ver maleta!, !Veña maleta! convertíronse nunha chanza habitual coa que divertirse nos partidos . Quedoulle Maleta, no campo e fora del .
Retirouse a final desa tempada . Ofrecéronlle o traballo de ocuparse do campo axudando ó vello Antonio . Co tempo Antonio retirouse e el quedou ó cargo de todo . O Maleta convertiuse nunha desas personaxes que conforman a vida dun pobo, como o guardia, o cura ou o farmaceútico.
Cando rematan os partidos el limpa os vestuarios, recolle os balóns e pecha o campo . Entón, ás veces, cando está seguro de que ninguén o ve, collle un balón e vai á portería que da ó río, coloca o balón no punto de penalti e tira suaviño, xunto ó poste esquerdo, como debeu facer aquel día .